lunes, 29 de marzo de 2010

Queremos que nos contes, que denuncies


Como dixemos no primeiro post, este blog está en marcha para informarvos do que AIA fai, así como para denunciar ou poñer de manifesto todas aquelas cousas relacionadas con Arzúa que consideramos que se poden mellorar ou realizar. Somos un grupo de xente traballando ilusionada coma o primeiro día por un proxecto no que cremos e estamos completamente involucrados. Non obstante, somos conscientes que o noso número é limitado e de que non podemos chegar a todos os currunchos, por moito que o intentemos. Seguramente ti que nos les, que vives na vila ou en calquera parroquia, ves cousas a diario que che gustaría que se arranxaran. E para iso estamos aquí, para poñer solución a problemas ou propoñer alternativas a situacións incorrectas. AIA pode mediar ante vós e o concello, con beneficios para todos, porque se vos intenta amañar o problema e nós cumprimos a nosa función. Ademais, respetaremos escrupulosamente a identidade de que se dirixa a nós.
Xa sabedes que nos atopades no mail independentesarzua@gmail.com. Dicídenos o que vos preocupa, e xa nos poñeremos en contacto con vós para tratar de solucionalo. Ante todo, moitas grazas pola vosa atención e posible colaboración.

E seguimos a voltas coa autovía


Estamos asistindo estes días a un frenético cruce de acusacións entre PSOE e PP sobre diferentes papeis que poden frear aínda máis a Autovía Santiago-Lugo. Por se non foran poucos os retrasos sufridos polo tramo que pasa por Arzúa (a causa de Melide), agora resulta que sae un informe que di que a Xunta pide un novo estudo para ver a viabilidade de trazados alternativos. Para que saiban vostedes de qué vai o conto: hai un informe da Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Xunta que recomenda estudar trazados alternativos ao norte da N-547 (a que cruza Arzúa). O PSOE di que isto paraliza a obra, mentres o PP asegura que o que pasa é que o goberno central quere retrasala e que o informe non é vinculante.
Dende AIA asistimos pampos a este cruce de balas entre socialistas e populares. Porque pensamos que o que nos debería importar a todos é a unión para que a autovía se faga o antes posible. Levamos anos oíndo falar dela; e xa nos imos aburrir antes de ver colocada a primeira pedra. Se queren un humilde consello: únanse e presionen conxuntamente diante dos organismos pertinentes. Sexa en forma de declaración institucional do Concello, cunha reunión cos voceiros,...como vostedes queiran. Pero espectáculos coma este non benefician a ninguén, nin sequera aos líderes destas formacións (por moito que lles pese a eles ou poidan crer o contrario). Loitemos por ter máis e mellores infraestructuras, evolucionemos.

miércoles, 24 de marzo de 2010

Perigo na estrada de Pastoriza a Teiraboa


Como vos comentabamos no post anterior, existe un importante risco de desprendemento/socavón na estrada que vai de Pastoriza a Teiraboa, e que pouco tempo hai que se construiu. AIA desprazouse ata o punto concreto para traervos a fotografía e que vexades que, como un vehículo pesado se sitúe enriba do punto que vos amosamos, o máis seguro é que teña algún percance. O espazo que quedou nas marxes da estrada é sumamente escaso, por non dicir nulo. No caso de que se crucen dous vehículos, ou un coche con algún camión, un deles terá que desprazarse á beira do que está pavimentado. E como vos dicimos, ese borde está a piques de desfacerse, posto que non existe ningún elemento de contención nin do pavimento nin da terra dos laterais.
E mirade, se isto pasara hai varias décadas, aínda podía ter unha explicación. Pero en pleno século XXI, coa tecnoloxía que existe, o persoal cualificado que se supón supervisa e realiza estas obras, e o sentido común que sobreentendemos que debería existir, non ten xustificación. Isto responde a unha mala execución da obra así como a unha falta de responsabilidade do equipo de goberno. Será coma no caso da farola, estarán sentadiños agardando a que teñamos un accidente grave para logo levarse as mans á cabeza e preguntarse, estrañados, cómo pasou. Nos dous casos AIA pediu que se subsanase a situación. Agora xa non está nas nosas mans.

lunes, 22 de marzo de 2010

Atención: próxima inauguración!


Esta suma de tres imaxes que vedes á esquerda do texto son só tres pequenos exemplos do que podemos atopar en todo Arzúa. Hai moi poucas rúas ou estradas do concello que se salven de ter varios baches ou o firme en mal estado. Non obstante, algúns coma os que vos amosamos na fotografía son dignos de inaugurar e poñerlles nomes. Pero iso sí, que sexan nomes galegos, non vaia ser... (os típicos do BNG). Iso a pesar de que algún bache leva tanto tempo con nós que case é xa da familia. O famoso cinturón de Arzúa, que vai dende Pastoriza a Teiraboa, rematado hai poucos meses e tan aclamado por ese utilizadísimo carril bici, xa está para arranxar. Ala, outra obra que adxudicar... Entre o cruce que vai para Maroxo e a Igrexa de Lema o firme da calzada desprazouse todo por un lateral, e baixou a banda de rodadura como uns 10 ou 12 cms. Aquí tedes un exemplo das grandes obras que fai, adxudica e revisa o BNG. Nunca pensando no bo estado e na duración da mesma, total son cartos públicos, así que non lles doe no bolsillo. Só pensando en facela e vendela canto antes e en cantos sitios poidan. Só lles importa a foto. ¿Merecemos isto en Arzúa?

Precaución, amigo peatón


Unha de dúas: ou os membros do goberno do BNG arzuán teñen graves problemas de vista, ou lles importa ben pouco en qué estado se atopa a vila e os seus elementos. Non contentos cos perigosos bordillos e adoquíns que nos chantaron nas rúas, agora tampouco deben ver as "pequenas" farolas a piques de caer sobre unha estrada nacional en plena Avenida de Lugo. E iso, presten atención, que a citada farola vese dende a casa do concelleiro de Obras. AIA xa dixo moitas veces, e non nos cansaremos de repetilo, que os políticos están precisamente para iso: para mellorar os concellos e para mellorar a vida dos seus veciños. A política de esperar a que pase algo para arranxalo non vale nunca. Sobre todo porque en Arzúa falamos de elementos que son perigosos. ¿A quen lle botamos as culpas se a farola provoca un accidente de tráfico ou cae enriba dun peón que pase pola rúa? Lembren vostedes aquel famoso programa televisivo e apliquen a máxima: máis vale previr ca curar.

miércoles, 17 de marzo de 2010

Elementos de "perigosidade" vial


Ás veces, nin querendo facelo tan mal sae tan ben. Ademais dese carácter sempre "dialogante" do que fai gala o BNG, agora resulta que entre todas as cabezas pensantes que o configuran en Arzúa, non hai ninguén que teña o suficiente sentido común como para ver máis alá do seu ombligo. Como resulta que os bolardos metálicos que colocaron no entorno da feira pasaban máis tempo deitados ca de pé, veulles a luceciña e decidiron cambialos (debía ser porque facían feo) por estes que vedes na fotografía da esquerda. Un fermoso cubo de pedra, cunhas xeitosiñas esquinas afiadas. Vamos, o ideal para sacar fío aos coitelos, pero non para os veciños/as.
Os bolardiños en cuestión están colocados no entorno do centro de saúde (por onde pasan a diario centos de persoas, sobre todo maiores e nenos) e a carón dos colexios. É dicir, xenios da seguridade vial (isto vai para o BNG): e se un cativo ou un avó tropezan neles, qué? Porque claro, como son tan grandes e están tan sinalizados... Incluso os colocan no medio e medio dos pasos de peóns. Talmente parece que estamos xogando na tómbola a ter máis papeletas para que haxa un accidente grave e o Concello se teña que facer responsable.
Se queren un consello, dende AIA podemos pasarlles as normas de seguridade vixentes, tanto en mobiliario urbano como as do sentido común. Calquera se pode facer dano nos bolardos, pero se por riba parece que van contra os sectores máis débiles como os anciáns ou os nenos, apaga e vámonos. Sabemos que son elementos, ata certo punto, necesarios. Máis de aí a convertilos nun perigo público.
Dende AIA instamos ao goberno do BNG ben a que mate as esquinas dos bolardos e sexan redondas ou ben á súa inmediata retirada.

¿Mal pregón ou mal pregoeiro?


Dende a Agrupación de Independentes para Arzúa, AIA, manifestamos o noso profundo malestar e completo desacordo co bochornoso espectáculo que o goberno municipal do BNG fixo pasar a arzuáns e visitantes durante a lectura do pregón da 35ª Festa do Queixo. O certo é que Xaquín García e os seus concelleiros sí conseguiron facer algo especial desta celebración, só que foi con grandes connotacións negativas. A elección dun pregoeiro ten que ir acorde, sempre, co evento e co escenario onde se realiza. Ademais, un pregón é un discurso eloxioso no que se anuncia ao público o inicio dunha festividade e se lle incita a participar nela. Nesta ocasión asistimos a un patético intento de burla política, sen sentido, absurdo e fóra de lugar.
Coñecedores ou non do contido do pregón de Sechu Sende, cremos que o goberno do BNG é o absoluto responsable do acontecido, e, como tal, debería pedir desculpas aos arzuáns polo acontecido nese acto. Lembramos que o presidente da Xunta, motivo de escarnio no devandito discurso, é o máximo representante de todos os galegos, chámense BNG, PSOE, AIA, PP ou sexan apolíticos. A cor partidista debemos deixala a un lado se falamos de festexos de tanta relevancia como a Festa do Queixo, onde xamais se debe nin se poden permitir comportamentos tan irrespetuosos e incómodos como o que vivimos o pasado sábado.
Asemade, dende AIA queremos informar a Sechu Sende que, se desexa adicarse á política, podemos indicarlle os foros apropiados para facelo, sen escudarse nalgo que debería respetar sobre todo, como é a responsabilidade e a honra de ser o pregoeiro da 35ª Festa do Queixo.

lunes, 15 de marzo de 2010

Comezamos explicando o por qué


Saúdos dende AIA, a Agrupación de Independentes para Arzúa. En primeiro lugar, gustaríanos a todo o grupo de arzuáns que conformamos este partido político darvos a benvida ao noso blog así como as grazas pola atención prestada. Abrimos esta nova ventana dixital para poder achegarnos máis a todos os habitantes de Arzúa. Como dixemos dende a nosa creación, hai máis de dous anos, a nosa única intención é facervos a vida máis doada, estar atentos a cómo se xestionan os recursos públicos e mellorar a calidade de vida de todos os que somos veciños de Arzúa. Non estamos aquí para facer política, senón para facer vila, para conseguir que o día a día sexa máis doado. E, sobre todo, para poñer un pouquiño de sentido común no que outros consideran política pura. Foi por iso, por non ser políticos da liña dura polo que nacemos como Agrupación Independente. Non nos moven unhas siglas, como ben demostramos en todo este tempo. Movémonos por e para Arzúa. Nin tampouco fomentamos personalismos. Como podedes ver, na cabeceira deste blog hai unha foto de toda a candidatura. Porque somos un todo, non unha soa cabeza. Cantos máis sexamos, máis poderemos resolver, máis ideas, máis solucións aos problemas plantexados, máis voces.

Estaremos actualizando nesta páxina continuamente, para amosarvos tanto o que facemos como o que consideramos que hai que corrixir, o que consideremos que sexa de interese común para todos. Tamén agradecemos que, se tendes suxerencias ou comentarios que facernos, aproveitedes o noso mail. Aseguramos que todas serán atendidas. O enderezo é independentesarzua@gmail.com


O dito, benvidos. Comezamos.