domingo, 18 de abril de 2010

Orzamentos 2010: o inicio da campaña electoral


Completamente electoralistas, interesados, pouco axustados á realidade e improvisados. Así cualificamos dende AIA a proposta de orzamentos municipais que presenta o BNG para este exercicio económico. Son unhas contas continuistas, con partidas absolutamente desproporcionadas. Os gastos de persoal ascenden a un 27% do total, mentres que o capítulo de gastos correntes é dun 33%. A todo isto engadimos o esaxerado e innecesario incremento dos préstamos municipais, polo que o Concello se endebeda aínda máis, neste caso nunha cuantía superior a 800.000€, quedando a porcentaxe de débeda nun 34%.
Isto significa unha única cousa: as obras que se van realizar con ese préstamo de case un millón de euros son tan necesarias hoxe como hai tres anos. ¿Por qué o Concello non contraeu esa débeda daquela, fixo os traballos e hoxe xa tiñamos unha parte amortizada? ¿Por qué esa gran falta de previsión, podendo incluir esas obras/accións noutros plans autonómicos ou provinciais, e incluso estatais? ¿Non será que o BNG necesita moita, moita publicidade de cara ás eleccións de maio do 2011 e de maneira urxente? Para AIA é inadmisible que o BNG nos hipoteque así o futuro, porque de non gañar eles os vindeiros comicios, o goberno entrante terá entre mans unha débeda considerable á que facer fronte, en detrimento doutros investimentos.
É certo que AIA, debido á renuncia da actual concelleira e mentres agardamos o nomeamento do novo concelleiro, non poderá votar neste pleno dos orzamentos. Malia todo, cremos que temos que facer pública a nosa postura contraria a estes orzamentos, polos motivos que acabamos de expoñer. Un partido político, neste caso o BNG, non pode xogar cos cartos que non son seus, porque son de todos os arzuáns, para intentar sacarlle rendemento político de cara ás eleccións locais do próximo ano. Así só nos demostran unha absoluta falta de ética e de preocupación polos seus gobernados. De feito, boa proba diso é que estamos falando de aprobar os presupostos en pleno mes de abril, cando o normal sería telos aprobados no mes de decembro do ano anterior. ¿Improvisación, falta de entendemento interno no goberno, despreocupación ou interese coa ollada posta nas urnas?

martes, 13 de abril de 2010

BOLETIN INFORMATIVO ABRIL 2010

Mal pregón, peor pregoeiro
A 35ª edición da Festa do Queixo, efectivamente, pasará á historia. Pero faráo por ser unha das máis polémicas das celebradas. E todo o mérito é para o BNG, encargado de seleccionar un discutible pregoeiro, o señor Sechu Sende. Un home que nada ten que ver con Arzúa, nin coa gastronomía e menos coa Festa do Queixo. Este individuo veu a Arzúa a ler un longo pregón escrito en verso e nun galego lusista. En vez de louvar o queixo e á vila, adicouse a ridiculizar a políticos que non son da corda nacionalista. O pregón do Queixo non é un lugar para facer política nin expresar outras ideas que non sexan a exaltación do queixo e de Arzúa. Ímosvos explicar por qué convidaron a Sechu Sende. Ten estreita relación co independentismo galego, incluso leu un manifesto nun acto a favor de organizacións como AMI e BRIGA, onde remataron queimando un boneco dun Garda Civil. Un parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, liga a Sechu Sende á plataforma Nunca Máis. ¿Será por actos deste tipo polo que o designaron pregoeiro? Así que non nos intenten enganar con contos como que el ten relación coa gastronomía, cando a única que se lle coñece é que debe almorzar, xantar e cear, como todos os mortais. Queremos que o Queixo se recoñeza polo que é, e non por actos desta calaña.
(A información podedes comprobala na dirección carballodixital.blogspot.com) coa data de setembro de 2007.


A residencia de maiores segue sen licencia
O Concello de Arzúa vai bater un récord de ilegalidades consentidas. AIA denunciou en maio de 2009 que a Residencia de Maiores estaba aberta sen licencia municipal. Un exemplo máis dunha mala xestión política, gobernando só para uns poucos. Fíxádevos en qué aventura estamos. A residencia abriu no 2005. 4 anos despois, vai o BNG e publica en maio de 2009 (vexan o BOP) a licencia de actividade a nome do polémico cura Benigno Moure, xusto depois de que a xustiza o inhabilitara e condenara a 3 anos de cárcere por apropiarse de fondos dunha anciá. Intentaron legalizar o centro pero, como teñen dúas varas de medir e segundo quen sexa, aplícase unha ou outra, quedouse todo en nada. Hoxe, 5 anos depois, a residencia segue estando ilegal. A pesar da alegación realizada por AIA, o goberno local fixo oídos xordos, cando deberían ser os primeiros interesados en velar pola legalidade. Se uns veciños teñen que pasar mil e un trámites, ¿por qué outros son tratados con privilexios? AIA quere unha residencia, pero unha residencia LEGAL.


A dictadura do BNG: xestión e modo de governo
Queda pouco máis dun ano para as eleccións municipais. Se ollamos cara atrás, estes 3 anos de camiño co BNG son unha suma de actos improvisados. Fagamos memoria: un PXOM a medida duns poucos, a incontrolada suba de impostos municipais, a diferencia de trato dependendo se eres ou non “amigo de” (por exemplo, para facer unha mesma obra, a un pídenselle os papeis como obra maior e a correspondente taxa, e a outros-para o mesmo-obra menor). Son só pequenos exemplos. O BNG segue empeñado en demostrarnos a todos que non ten visión de futuro. De feito, verbas como “consenso” téñenas case novas de non usalas. O que sí fan de marabilla é a propaganda. O BNG é un experto no auto-bombo, e non ten escrúpulos á hora de costear as súas caras publicacións cos cartos de todos os arzuáns. Cada tirada da revista “só” nos custa uns 6.000€. Volvemos pedir ao BNG que devolva xa ao Concello todos os cartos íntegros cos que pagaron as revistas que fixeron. Xa case nos parece que como cousas fan poucas, teñen que vender ao grande as que fan. E aínda por riba mentindo, vendendo algunhas cousas que fan outros.


Obras: mira que é difícil facelo tan mal
É automático: chega o Queixo e o Concello de Arzúa saca peóns e cemento á rúa para demostrar que fai obras. Esta vez tocoulle á Rúa Cruz Vermella. Aparte deste alarde constructor, está moi ben o de facer beirarrúas, pero miren, os arzuáns non somos tan anchos. E os coches tamén teñen dereito á vida. Xa non é que sobraran os sitios onde aparcar. Onde vostedes tocan...zas! Desaparecen as poucas prazas que quedaban. ¿Teñen algunha aposta feita a ver cantas eliminan? Ao marxe disto, todas as beirarrúas feitas levan uns bordillos afiados, ideais para cativos e maiores. E por riba colocan bolardos que pasan máis tempo deitados ca de pé. E como lles debe sobrar tempo e enxeño, nalgúns sitios substituíronse por cubos de pedra con esquinas afiadas, como os colocados na rúa dos colexios no medio e medio dos pasos de patóns. ¿Qué facemos, saltalos? ¿A vostedes sóalles de algo a normativa de seguridade?


Un carameliño de responsabilidade
Ostentar un cargo como o de concelleiro/a é unha gran responsabilidade. En ningún caso se pode utilizar iso para sair na foto. Os partidos que estamos na oposición temos que adicarnos a vixiar ao goberno do BNG e a propoñer alternativas, a escoitar aos veciños/as e resolverlles os problemas, axudarlles nos trámites. O que é ridículo é que algúns/as perdan o tempo en sair na prensa a toda costa, da igual que con mentiras, atacando aos outros partidos... ou eventos como a Festa do Queixo. NON VALE TODO. Non hai que ampararse en ningunha sigla para ser máis ca ninguén. Temos que traballar. Para iso nos presentamos e para iso nos elixiron. Os políticos só somos xestores temporais dos bens dos veciños. Estamos decidindo o futuro de Arzúa. E para iso o que fai falta é sentido común. E o que sobran, compañeiros, son os persoalismos. Todos.


Recoñecemento
Como dicimos neste boletín, a labor da oposición debe ser constructiva. E tal como criticamos o que cremos que está mal, tamén recoñecemos o traballo ben feito, a pesar de que poucas veces sexa consensuado. Por exemplo, debemos aplaudir a partida de 2 millóns de euros conseguida polo BNG para a mellora da estrada N-547 (Avda. Lugo), así como os varios investimentos acadados en materia deportiva por parte, sobre todo, da Deputación de A Coruña. Non todo o que fai un goberno está mal. Simplemente cremos que o diálogo debe ser a base. Non teman perder votos por aceptar propostas doutros grupos. Todos traballamos por Arzúa.

sábado, 10 de abril de 2010

AIA esixe ao Concello de Arzúa que inclúa no PXOM as modificacións da nova Lei do Solo de Galicia

Dende a Agrupación de Independentes para Arzúa, AIA, queremos esixir que o goberno do BNG arzúan adapte o PXOM da vila á nova Lei do Solo de Galicia que axiña entrará en vigor. Consideramos que sería un despropósito o feito de non facelo, posto que Arzúa quedaría como un concello case discriminado con respecto ao resto de Galicia. Para Óscar Taboada, voceiro de AIA, “a nova Lei do Solo ademais de ceder competencias aos Concellos amplía dunha forma moi significativa as zonas edificables no rural. Temos que ter en conta que Arzúa é un concello rural. Negar isto aos veciños sería como decirlles que non lles importa nin o máis mínimo o seu porvir. O que nunca se pode facer é o que practica o BNG: saben que con esta Lei recaerán máis responsabilidades nos gobernos locais, e xa non se poderán excusar na Xunta se algo non lles vai ben”.
A Lei reduce significativamente os prazos das licenzas, que nunca serán superiores aos tres meses dende a presentación da documentación no Concello. Para Óscar Taboada “como xa denunciamos nalgunha ocasión, no Concello de Arzúa, dependendo quen pedise a licenza, podía tardar moito máis ou moito menos. Con esta Lei serán máximo dun mes para obra menor e de tres como moito para obra maior, sexa quen sexa o que presente a solicitude. Sabemos que o PXOM de Arzúa foi feito sen consenso, con toda a oposición e os veciños en contra. Agora este anteproxecto de Lei permitirá que pouco a pouco, o panorama que debuxou só o BNG se poida ir modificando e non nos sintamos os arzuáns nun estado de “ordeno y mando” permanente”.
Somos sabedores de que esta Lei se aprobou co voto desfavorable do BNG. Esta é unha proba de lume para o goberno arzuán; eles decidirán entre o que lle convén ao pobo de Arzúa ou o que lle piden dende as filas do seu partido, por motivos únicamente políticos. Non serve de nada escudarse na petición da delimitación do Camiño Francés-que consideramos necesaria-dado que a maioría do municipio non se ve afectado pola Ruta Xacobea. Ao noso entender só son desculpas”, afirma o noso voceiro. Engade tamén que “sabemos que é un custo adicional adaptar o PXOM á nova Lei, pero tamén o foi no seu momento tirar ao lixo un Plan Xeral e volver facer outro novo porque ao BNG non lle gustaba; ou pagar multas por non acatar os protocolos de actuación autonómicos (véxase o caso da carballeira da Feira)”.

martes, 6 de abril de 2010

Un novo exemplo de deixadez política


Se calquera de vós fai un percorrido por todo o Concello de Arzúa e se vai fixando nas marquesinas que existen nas diferentes parroquias, pode quedar abraiado de ata qué punto están degradadas estas instalacións. Case non hai unha que teña os cristales enteiros, que estea limpa ou non se atope chea de cartelería que nada ten que ver co Concello. As dúas marquesinas que tendes na foto de arriba (unha ubicada en Burres e outra en Pastoriza) suman un tellado e un cristal. Iso sí, suciedade, silvas, terra, ferro e pedras, os que queirades. Menos mal que se supón que son espazos de espera tanto para rapaces (bus escolar) como para adultos, para resgardarnos das inclemencias meteorolóxicas, por exemplo. Dende AIA ficamos, unha vez máis, pampos ante tanta desidia. ¿Ou é que o equipo de goberno non anda polas parroquias e non ve isto? E iso sen contar os lugares de onde as sacaron e xa non volveron.
AIA vai solicitar novamente o arranxo de todas as marquesinas do Concello, dada a lamentable imaxe que dan e o nulo servizo que prestan. Ademais, pediremos ao goberno do BNG que prohíba a colocación de carteis nelas e nos contedores do lixo, tal e como se fai noutros concellos da comarca.