lunes, 15 de marzo de 2010

Comezamos explicando o por qué


Saúdos dende AIA, a Agrupación de Independentes para Arzúa. En primeiro lugar, gustaríanos a todo o grupo de arzuáns que conformamos este partido político darvos a benvida ao noso blog así como as grazas pola atención prestada. Abrimos esta nova ventana dixital para poder achegarnos máis a todos os habitantes de Arzúa. Como dixemos dende a nosa creación, hai máis de dous anos, a nosa única intención é facervos a vida máis doada, estar atentos a cómo se xestionan os recursos públicos e mellorar a calidade de vida de todos os que somos veciños de Arzúa. Non estamos aquí para facer política, senón para facer vila, para conseguir que o día a día sexa máis doado. E, sobre todo, para poñer un pouquiño de sentido común no que outros consideran política pura. Foi por iso, por non ser políticos da liña dura polo que nacemos como Agrupación Independente. Non nos moven unhas siglas, como ben demostramos en todo este tempo. Movémonos por e para Arzúa. Nin tampouco fomentamos personalismos. Como podedes ver, na cabeceira deste blog hai unha foto de toda a candidatura. Porque somos un todo, non unha soa cabeza. Cantos máis sexamos, máis poderemos resolver, máis ideas, máis solucións aos problemas plantexados, máis voces.

Estaremos actualizando nesta páxina continuamente, para amosarvos tanto o que facemos como o que consideramos que hai que corrixir, o que consideremos que sexa de interese común para todos. Tamén agradecemos que, se tendes suxerencias ou comentarios que facernos, aproveitedes o noso mail. Aseguramos que todas serán atendidas. O enderezo é independentesarzua@gmail.com


O dito, benvidos. Comezamos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario