viernes, 13 de mayo de 2011

E TODO POR UN PUÑADO DE VOTOS


Por Óscar Taboada, concelleiro en ARZÚA

Hai xa unhas cantas décadas, Abraham Lincoln escribía “¿Por qué non ter confianza na xustiza do pobo? ¿Hai no mundo esperanza mellor ou que poida igualala?”. Máis dun século despois, a esperanza brila pola súa ausencia na miña actual perspectiva da política. A democracia, adalid que enarbolei en todas as miñas accións como concelleiro dun partido, é un espellismo feito anacos cando aqueles que deben defender os dereitos constitucionais son os primeiros en xogar con eles a antollo. Aqueles que debían vixiar a igualdade, a presunción de inocencia, a neutralidade... moitos deses son os que amoldan os dereitos ás necesidades que xurdan.

Arzúa vestiuse, nestas eleccións, de limbo democrático onde os valores se difuminan entre os rencores personais e as coiteladas políticas. Arzúa é o paradigma do que xamais debería ser a política. O surrealismo-en cualquera das súas acepcións-é un concepto que se queda corto ante a sucesión de acontecementos que vivimos. Apliquen a razón: chega un maxistrado e condena ao actual rexedor, Xaquín García, a seis meses de inhabilitación para exercer cargo público. Faino en outubro de 2010. Cal caso de “Expediente X”, a notificación de dita sentenza realízase máis de 100 días despois. Aínda que non o crean, nin o xuíz se atopaba incomunicado nas remotas paraxes do Lemmenjoki National Park de Finlandia nin o rexedor arzuán marchara de retiro espiritual a unha escura caverna da África profunda. Este curioso retraso impide que o Alcalde cumpra a súa condena no mandato en curso. Non vou entrar xa na culpabilidade ou non do mandatario nacionalista-é outro debate xa moi manido. Pero non remata aquí a película. Aínda nos quedaba por ver que a Xunta Electoral, previa denuncia rubricada polo PP, lle impida concorrer como candidato. É dicir, pasamos así de puntillas dunha condena de seis meses a outra de catro anos, posto que da posibilidade de gañar estes comicios o teórico candidato frentista pasa a non poder encabezar unha candidatura ata o 2015.

Quero, con este artigo, romper unha lanza en contra do “todo vale”. Política non é sinónimo de inmunidade. Vin, en poucas semanas, cómo varios dos meus compañeiros centran as súas ansias e horas de traballo en denunciar, defenderse denunciando máis, atacando a terceiros que se referían a abrazos finxidos, etc. Ou a algúns medios de comunicación posicionarse en base a persoalismos e non ao rigor informativo. A tal nivel chegado, que a famosa vendetta dos mafiosos parece un xogo de nenos. Non son afiliado do BNG, nin o serei nin me vou converter no seu defensor. Agora ben, sempre loitei contra a hipocresía. E este caso é de libro. Xaquín García foi durante anos o meu rival político. Pero, antes ca iso, foi e é un compañeiro de corporación. Un hombe que loitou polo que ten e o que defende. Algo que non podo dicir de todos os implicados en política no meu concello. Certo é que García debía executar unha sentenza, por algo que el no realizou pero que estaba implícito na súa tarefa como Alcalde de Arzúa. ¿É suficiente motivo para crucificalo mediática e políticamente? Porque lle teño que lembrar que os grandes partidos teñen asumido un código ético polo que, teóricamente, aquelas imputadas por delitos moitísimo máis graves como malversación, prevaricación, etc. non poderían presentarse ás eleccións. Preséntanse centos deles, uns cantos en Galicia e algún deles moi preto.

Hai que tener moito valor para presentarse a estas eleccións municipais en Arzúa. Hai que ter, ademais, moi pouca conciencia ou sentimentos para non apoiar a un compañeiro ante unha clara inxustiza-aínda que sexa un rival político. E todo por un puñado de votos. Quen asina este escrito chegou a política con moita ilusión, confianzo no ben común e no interese xeral. Marcho decepcionado, triste, pero sobre todo alarmado e asustado pola guerra suxa entre unhas poucas ducias de persoas que conformamos a vida política arzuá e que mañá, ao non ser titular dunha acta de concelleiro ou un cargo simbólico e case ridículo dentro das nosas respectivas formacións, cruzrémonos pola rúa e seremos uns veciños máis.

Se algo aprendín, é que Churchill tiña razón. Entre as tres clases de inimigos que el clasificou están os compañeiros de partido. Eu xa non podo intentar convencer a calquer arzuán ao que pida un voto. Porque se eu non confío no sistema, menos poderei defendelo nin aplicalo. Un sistema que me demostrou que a democracia a deseñan, a medida, os políticos. Ou moitos deles. E tanta culpa temos os políticos coma os cidadáns. Estamos nunha sociedade na que esiximos prácticamente todo: os servizos ó alcance da man, a reparación de calquer mínimo contratempo que suceda ás nosas persoas, etc.. pero ninguén levanta a voz nin se manifesta máis alá do ámbito familiar ante a vulneración de dereitos constitucionais básicos.

Evidentemente, acato a decisión da Xunta Electoral. Máis iso non significa que a comparta. Só quería transmitirlles unha pregunta e, se atopan a resposta, gustaríame que ma trasladasen. Ante esta kafkiana situación, ¿qué lexitimidade terá o próximo Alcalde de Arzúa?.

Pois iso, mañá quizais sexa tarde.

No hay comentarios:

Publicar un comentario