domingo, 18 de abril de 2010

Orzamentos 2010: o inicio da campaña electoral


Completamente electoralistas, interesados, pouco axustados á realidade e improvisados. Así cualificamos dende AIA a proposta de orzamentos municipais que presenta o BNG para este exercicio económico. Son unhas contas continuistas, con partidas absolutamente desproporcionadas. Os gastos de persoal ascenden a un 27% do total, mentres que o capítulo de gastos correntes é dun 33%. A todo isto engadimos o esaxerado e innecesario incremento dos préstamos municipais, polo que o Concello se endebeda aínda máis, neste caso nunha cuantía superior a 800.000€, quedando a porcentaxe de débeda nun 34%.
Isto significa unha única cousa: as obras que se van realizar con ese préstamo de case un millón de euros son tan necesarias hoxe como hai tres anos. ¿Por qué o Concello non contraeu esa débeda daquela, fixo os traballos e hoxe xa tiñamos unha parte amortizada? ¿Por qué esa gran falta de previsión, podendo incluir esas obras/accións noutros plans autonómicos ou provinciais, e incluso estatais? ¿Non será que o BNG necesita moita, moita publicidade de cara ás eleccións de maio do 2011 e de maneira urxente? Para AIA é inadmisible que o BNG nos hipoteque así o futuro, porque de non gañar eles os vindeiros comicios, o goberno entrante terá entre mans unha débeda considerable á que facer fronte, en detrimento doutros investimentos.
É certo que AIA, debido á renuncia da actual concelleira e mentres agardamos o nomeamento do novo concelleiro, non poderá votar neste pleno dos orzamentos. Malia todo, cremos que temos que facer pública a nosa postura contraria a estes orzamentos, polos motivos que acabamos de expoñer. Un partido político, neste caso o BNG, non pode xogar cos cartos que non son seus, porque son de todos os arzuáns, para intentar sacarlle rendemento político de cara ás eleccións locais do próximo ano. Así só nos demostran unha absoluta falta de ética e de preocupación polos seus gobernados. De feito, boa proba diso é que estamos falando de aprobar os presupostos en pleno mes de abril, cando o normal sería telos aprobados no mes de decembro do ano anterior. ¿Improvisación, falta de entendemento interno no goberno, despreocupación ou interese coa ollada posta nas urnas?

2 comentarios:

  1. vendo os blogs das agrupacions politicas, e as notas de prensa,moitos arzuans pensamos q a iniciaativa da oposicion do concello leva o psoe local,non hai que ser moi parvos para darse conta.saca algo novo o psoe e enseguida ides detras os demais grupos.tede iniciativas propias e nunca copiedes, queda moi mal!!

    ResponderEliminar
  2. Gracias polo comentario.

    Debo decir que a nota do Psoe, solo se parece a nosa en que todos coincidimos que son electoralistas.
    A diferencia é que eles non din por que, nin como facer o mesmo pero de outra maneira.

    Encanto a que copiamos, solo pedirche que acudas os plenos e veras de verdade quen copia a quen, e as cousas que ali se din.

    O dito gracias por opinar

    ResponderEliminar