martes, 13 de abril de 2010

BOLETIN INFORMATIVO ABRIL 2010

Mal pregón, peor pregoeiro
A 35ª edición da Festa do Queixo, efectivamente, pasará á historia. Pero faráo por ser unha das máis polémicas das celebradas. E todo o mérito é para o BNG, encargado de seleccionar un discutible pregoeiro, o señor Sechu Sende. Un home que nada ten que ver con Arzúa, nin coa gastronomía e menos coa Festa do Queixo. Este individuo veu a Arzúa a ler un longo pregón escrito en verso e nun galego lusista. En vez de louvar o queixo e á vila, adicouse a ridiculizar a políticos que non son da corda nacionalista. O pregón do Queixo non é un lugar para facer política nin expresar outras ideas que non sexan a exaltación do queixo e de Arzúa. Ímosvos explicar por qué convidaron a Sechu Sende. Ten estreita relación co independentismo galego, incluso leu un manifesto nun acto a favor de organizacións como AMI e BRIGA, onde remataron queimando un boneco dun Garda Civil. Un parlamentario do BNG, Francisco Jorquera, liga a Sechu Sende á plataforma Nunca Máis. ¿Será por actos deste tipo polo que o designaron pregoeiro? Así que non nos intenten enganar con contos como que el ten relación coa gastronomía, cando a única que se lle coñece é que debe almorzar, xantar e cear, como todos os mortais. Queremos que o Queixo se recoñeza polo que é, e non por actos desta calaña.
(A información podedes comprobala na dirección carballodixital.blogspot.com) coa data de setembro de 2007.


A residencia de maiores segue sen licencia
O Concello de Arzúa vai bater un récord de ilegalidades consentidas. AIA denunciou en maio de 2009 que a Residencia de Maiores estaba aberta sen licencia municipal. Un exemplo máis dunha mala xestión política, gobernando só para uns poucos. Fíxádevos en qué aventura estamos. A residencia abriu no 2005. 4 anos despois, vai o BNG e publica en maio de 2009 (vexan o BOP) a licencia de actividade a nome do polémico cura Benigno Moure, xusto depois de que a xustiza o inhabilitara e condenara a 3 anos de cárcere por apropiarse de fondos dunha anciá. Intentaron legalizar o centro pero, como teñen dúas varas de medir e segundo quen sexa, aplícase unha ou outra, quedouse todo en nada. Hoxe, 5 anos depois, a residencia segue estando ilegal. A pesar da alegación realizada por AIA, o goberno local fixo oídos xordos, cando deberían ser os primeiros interesados en velar pola legalidade. Se uns veciños teñen que pasar mil e un trámites, ¿por qué outros son tratados con privilexios? AIA quere unha residencia, pero unha residencia LEGAL.


A dictadura do BNG: xestión e modo de governo
Queda pouco máis dun ano para as eleccións municipais. Se ollamos cara atrás, estes 3 anos de camiño co BNG son unha suma de actos improvisados. Fagamos memoria: un PXOM a medida duns poucos, a incontrolada suba de impostos municipais, a diferencia de trato dependendo se eres ou non “amigo de” (por exemplo, para facer unha mesma obra, a un pídenselle os papeis como obra maior e a correspondente taxa, e a outros-para o mesmo-obra menor). Son só pequenos exemplos. O BNG segue empeñado en demostrarnos a todos que non ten visión de futuro. De feito, verbas como “consenso” téñenas case novas de non usalas. O que sí fan de marabilla é a propaganda. O BNG é un experto no auto-bombo, e non ten escrúpulos á hora de costear as súas caras publicacións cos cartos de todos os arzuáns. Cada tirada da revista “só” nos custa uns 6.000€. Volvemos pedir ao BNG que devolva xa ao Concello todos os cartos íntegros cos que pagaron as revistas que fixeron. Xa case nos parece que como cousas fan poucas, teñen que vender ao grande as que fan. E aínda por riba mentindo, vendendo algunhas cousas que fan outros.


Obras: mira que é difícil facelo tan mal
É automático: chega o Queixo e o Concello de Arzúa saca peóns e cemento á rúa para demostrar que fai obras. Esta vez tocoulle á Rúa Cruz Vermella. Aparte deste alarde constructor, está moi ben o de facer beirarrúas, pero miren, os arzuáns non somos tan anchos. E os coches tamén teñen dereito á vida. Xa non é que sobraran os sitios onde aparcar. Onde vostedes tocan...zas! Desaparecen as poucas prazas que quedaban. ¿Teñen algunha aposta feita a ver cantas eliminan? Ao marxe disto, todas as beirarrúas feitas levan uns bordillos afiados, ideais para cativos e maiores. E por riba colocan bolardos que pasan máis tempo deitados ca de pé. E como lles debe sobrar tempo e enxeño, nalgúns sitios substituíronse por cubos de pedra con esquinas afiadas, como os colocados na rúa dos colexios no medio e medio dos pasos de patóns. ¿Qué facemos, saltalos? ¿A vostedes sóalles de algo a normativa de seguridade?


Un carameliño de responsabilidade
Ostentar un cargo como o de concelleiro/a é unha gran responsabilidade. En ningún caso se pode utilizar iso para sair na foto. Os partidos que estamos na oposición temos que adicarnos a vixiar ao goberno do BNG e a propoñer alternativas, a escoitar aos veciños/as e resolverlles os problemas, axudarlles nos trámites. O que é ridículo é que algúns/as perdan o tempo en sair na prensa a toda costa, da igual que con mentiras, atacando aos outros partidos... ou eventos como a Festa do Queixo. NON VALE TODO. Non hai que ampararse en ningunha sigla para ser máis ca ninguén. Temos que traballar. Para iso nos presentamos e para iso nos elixiron. Os políticos só somos xestores temporais dos bens dos veciños. Estamos decidindo o futuro de Arzúa. E para iso o que fai falta é sentido común. E o que sobran, compañeiros, son os persoalismos. Todos.


Recoñecemento
Como dicimos neste boletín, a labor da oposición debe ser constructiva. E tal como criticamos o que cremos que está mal, tamén recoñecemos o traballo ben feito, a pesar de que poucas veces sexa consensuado. Por exemplo, debemos aplaudir a partida de 2 millóns de euros conseguida polo BNG para a mellora da estrada N-547 (Avda. Lugo), así como os varios investimentos acadados en materia deportiva por parte, sobre todo, da Deputación de A Coruña. Non todo o que fai un goberno está mal. Simplemente cremos que o diálogo debe ser a base. Non teman perder votos por aceptar propostas doutros grupos. Todos traballamos por Arzúa.

No hay comentarios:

Publicar un comentario