sábado, 10 de abril de 2010

AIA esixe ao Concello de Arzúa que inclúa no PXOM as modificacións da nova Lei do Solo de Galicia

Dende a Agrupación de Independentes para Arzúa, AIA, queremos esixir que o goberno do BNG arzúan adapte o PXOM da vila á nova Lei do Solo de Galicia que axiña entrará en vigor. Consideramos que sería un despropósito o feito de non facelo, posto que Arzúa quedaría como un concello case discriminado con respecto ao resto de Galicia. Para Óscar Taboada, voceiro de AIA, “a nova Lei do Solo ademais de ceder competencias aos Concellos amplía dunha forma moi significativa as zonas edificables no rural. Temos que ter en conta que Arzúa é un concello rural. Negar isto aos veciños sería como decirlles que non lles importa nin o máis mínimo o seu porvir. O que nunca se pode facer é o que practica o BNG: saben que con esta Lei recaerán máis responsabilidades nos gobernos locais, e xa non se poderán excusar na Xunta se algo non lles vai ben”.
A Lei reduce significativamente os prazos das licenzas, que nunca serán superiores aos tres meses dende a presentación da documentación no Concello. Para Óscar Taboada “como xa denunciamos nalgunha ocasión, no Concello de Arzúa, dependendo quen pedise a licenza, podía tardar moito máis ou moito menos. Con esta Lei serán máximo dun mes para obra menor e de tres como moito para obra maior, sexa quen sexa o que presente a solicitude. Sabemos que o PXOM de Arzúa foi feito sen consenso, con toda a oposición e os veciños en contra. Agora este anteproxecto de Lei permitirá que pouco a pouco, o panorama que debuxou só o BNG se poida ir modificando e non nos sintamos os arzuáns nun estado de “ordeno y mando” permanente”.
Somos sabedores de que esta Lei se aprobou co voto desfavorable do BNG. Esta é unha proba de lume para o goberno arzuán; eles decidirán entre o que lle convén ao pobo de Arzúa ou o que lle piden dende as filas do seu partido, por motivos únicamente políticos. Non serve de nada escudarse na petición da delimitación do Camiño Francés-que consideramos necesaria-dado que a maioría do municipio non se ve afectado pola Ruta Xacobea. Ao noso entender só son desculpas”, afirma o noso voceiro. Engade tamén que “sabemos que é un custo adicional adaptar o PXOM á nova Lei, pero tamén o foi no seu momento tirar ao lixo un Plan Xeral e volver facer outro novo porque ao BNG non lle gustaba; ou pagar multas por non acatar os protocolos de actuación autonómicos (véxase o caso da carballeira da Feira)”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario