jueves, 23 de diciembre de 2010

Dende AIA amosamos o noso malestar pola proposta de RPT do Goberno de Arzúa



A proposta do goberno municipal esquece a máis da metade dos traballadores do Concello e inclúe importantes agravios comparativos

Os tres grupos da oposición arzuá rexeitan e denuncian as graves deficiencias e irregularidades da RTP presentada polo BNG

Arzúa, 23 de decembro.- Sete anos de goberno do BNG pedindo, unha e outra vez por parte dos partidos da oposición, unha RPT (Relación de Postos de Traballo) e preséntannos un documento que máis ben parece unha mala broma pesada. O goberno que encabeza Xaquín García pretende que PSOE, PP e AIA aprobemos un texto que, entre outras moitas cousas que a continuación explicamos, fomenta a eventualidade e a precariedade, así como a discriminación laboral e económica. É un claro insulto tanto á dignidade dos traballadores e aos seus dereitos, como a un sistema democrático que tanto pregonan defender e que firen de morte con documentos sectarios e tan ridículos como esta RPT.
Entre os despropósitos figura a desaparición, non sabemos por qué escuro motivo, da metade dos traballadores que ten o Concello de Arzúa. Só figura na RPT máis ou menos o 50% da plantilla municipal. De feito, non están algúns que levan máis de 20 anos desempeñando funcións contratados polo consistorio. Máis incrible aínda, se é posible, é o feito de que dúas persoas co mesmo posto de traballo van cobrar soldos diferentes; incluso se dá o caso de que algún traballador de categoría superior cobrará menos que un de categoría inferior. O esperpento máximo é que, con esta RPT, a algún traballador pretendían baixarlle o soldo, tema tratado esta mañá na comisión informativa e onde se nos indicou que, a petición de algún interesado/a, non se realizará finalmente esa reducción de salario.
Atopamos tamén outra serie de graves deficiencias, como erros na clasificación de postos por escalas, postos de traballo aos que non se lles contempla a nocturnidade ou a perigosidade ou, por exemplo, graves erros na documentación aportada e no organigrama que non se axustan para nada á realidade. Por se todo isto fora pouco, esquécense de incluir este punto na orde do día dunha comisión informativa xa convocada e engádeno a última hora. Un xesto que consideramos unha táctica absurda se pretende ser disuasoria ou con intención de que nos pase desapercibida.
Tras a análise da RPT, podemos concluir conxuntamente PSOE, PP e AIA que é un documento inxusto, arbitrario, absurdo, abusivo e que entendemos non se axusta á legalidade. Non se pode facer unha RPT só para uns cantos traballadores. Entre outras moitas cousas, é antidemocrático. Polo tanto, pedimos ao BNG que aplique as súas propias receitas, e non fomente a división entre os traballadores municipais nin utilice instrumentos públicos para facer e desfacer ao seu antollo. Ter maioría absoluta non quere dicir ser posuidores da razón absoluta.
Despois de consultar aos representantes sindicais de UGT e CCOO, os seus voceiros coinciden plenamente coa visión que nós temos da RPT. Un documento destas características, coa repercusión que leva implícita, debe realizarse con sentido común, á marxe de partidismos ou persoalismos. Aí están os exemplos doutros concellos que demostran que outra RPT é posible. Non esquezamos, ademais, que o Concello de Arzúa é a maior empresa en volume de traballadores de todo o municipio. E, á vista está, que é precisamente a que menos exemplo dá.
Polo tanto, solicitamos a inmediata retirada deste documento e a elaboración dun novo, posto que xa ten alegacións incluso dos propios trabalaldores. Xa sabemos que non vai ser dialogado nin consensuado coa oposición, como tampouco non o foi cos representantes sindicais, aínda que se nos quixo mentir na comisión desta mañá dicíndonos que os sindicatos estaban de acordo. Pero sí pode e debe ser xusto cos traballadores. Estamos fartos xa de tantas falacias, como o feito de que o tenente alcalde nos pretenda “amainar” asegurándonos que o documento que se entregou á oposición ten moitos erros. Xa está ben de tanta tontería e de lanzar globos sonda como esta burla de RPT. Nin os traballadores municipais nin o pobo de Arzúa teñen a culpa de ter uns gobernantes tan irresponsables.

El Correo Gallego
La Voz de Galicia

No hay comentarios:

Publicar un comentario