Arzúa, 24 de marzo de 2011.- AIA-Arzúa ven de presentar no Rexistro do Concello unha solicitude ao Alcalde para que canto antes se convoque o Consello de Radio Arzúa ou unha Xunta de Voceiros co fin de valorar a situación de Armando Cascón, candidato do PP ás eleccións municipais, dado que consideramos incompatible ser número 1 dunha lista coas súas funcións ante os micrófonos e a dirección da emisora local. Parécenos éticamente reprobable e moi pouco profesional que a día de hoxe, vinte días despois da súa proclamación pública, siga exercendo ante os micrófonos, sendo el o encargado de seleccionar qué información procedente dos outros grupos políticos se emite ou non. Evidentemente, a imparcialidade neste caso cremos que brilla pola súa ausencia, considerando ademais que falamos en termos locais.
Asemade, queremos lembrarlle ao Partido Popular e a Armando Cascón que eles, que tanto enarbolaban a bandeira contra o BNG polo uso de medios municipais para o reparto dun CD promocional do concello, agora fan xusto o mesmo, só que a súa canle se chama Radio Arzúa. Para nós, ningunha das dúas cousas é lícita, ética ou moral. De todos os xeitos, agardabamos, neste caso, que o propio director de Radio Arzúa tomase de motu propio a decisión de apartarse do seu posto temporalmente, cousa que non aconteceu. Pensabamos que por ética profesional deixaría de lado as súas funcións, cando menos ata o 22 de maio.
Nós entendemos que a situación afecte persoalmente a Armando Cascón, pero el sabía perfectamente cales eran as consecuencias de aceptar o liderato da candidatura dun partido político. Por tanto, esiximos madurez e sentido común ao Director de Radio Arzúa ante esta situación. Este sería un bo momento para que comece a demostrar con feitos as súas intencións no caso de ser Alcalde de Arzúa; e, polo que vemos, o discurso pouco ten que ver coa práctica.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario