lunes, 14 de marzo de 2011

CARTA A TODOS OS VECIÑOS DE ARZÚA

Estimados veciños e veciñas:

Ante a información malintencionada e engañosa publicada por El Correo Gallego o día 5de marzo, relacionada co cambio de candidato do PP de Arzúa, véxome na obriga de aclararvos unhas cantas cousas, xa que o meu nome foi utilizado para publicar mentiras e iso non o quero nin o debo permitir.
Pedinlle a El Correo Gallego que rectificase a noticia e non o fixo, pedinlle a Radio Arzúa uns minutos para aclarar as mentiras e Armando Cascón, director da mesma, denegoumos; por iso vos envío esta nota, que non vai en contra de ninguén, todo o contrario, pero o nome propio de cada un é algo que forma parte do seu ser, é esencial e non pode ser utilizado con mentiras.
Aclaro, por tanto que eu, Regina Castro, mantiven unha reunión co PP da Coruña no que me propoñen que encabece a candidatura do PP de Arzúa, poñendo eu nese momento como condición indispensable que se celebre unha Asamblea Local, na que sexan os afiliados e afiliadas do PP de Arzúa os que elixan ó candidato ou candidata que eles crean que pode facer o mellor por Arzúa. O único que eu acepto é presentar a miña candidatura a dita Asamblea, comprometéndome a traballar polo PP a partir dese momento, no lugar que os afiliados e afiliadas decidan, séndome indiferente o sitio, xa que estaba e estou convencida de que a partir da celebración de dita Asamblea o PP de Arzúa estaría forte e unido, fose cal fose o candidato ou candidata elixido.
Pasan uns días e o PP da Coruña comunícame que non queren celebrar dita Asamblea, eu dígolles que, si non van a consultar aos afiliados e afiliadas, si van a seguir impoñendo eles, non poden contar conmigo; polo tanto AHÍ REMATA A MIÑA RELACIÓN CO PP.
Nunca dixen nin diría nada destas reunións; o máis necesario é para min que cambie o Goberno de Arzúa, polo ben do meu pobo e dos meus veciños e veciñas.
Pero cal foi a miña desagradable sorpresa ó leer que o PP e El Correo Gallego utilizan o meu nome con mentiras e sen o meu consentimento na nota de prensa, non rectifican a pesar de pedirllo encarecidamente, e iso sí que non llo vou a permitir, o meu nome é meu.
Remato xa repetindo que esta nota non vai en contra de ninguén, pero a verdade é o mellor e único camiño que debemos seguir.

Gracias e sempre á vosa disposición,

Regina Castro
Presidenta da Agrupación de Independentes por Arzúa (AIA-Arzúa)

(Esta carta foi enviada por correo a todos os fogares do concello de Arzúa)

No hay comentarios:

Publicar un comentario